martes, 25 de marzo de 2014

O CANCIONEIRO DE MONFERO A TRAVÉS DO CPI VIRXE DA CELA

O CANCIONEIRO DE MONFERO DE XOSÉ MARÍA ÁLVAREZ BLÁZQUEZ



Xosé María Álvarez Blázquez foi un dos meirandes expertos da literatura medieval galego-portuguesa. En 1952 publicara en Galaxia o primeiro tomo da súa Escolma de Poesía Galega, dedicada a aquela época, e que revisaría e ampliaría en 1975. O seu estudo dos textos medievais fora tan profundo que foi quen de compoñer el mesmo oito novos poemas de amor, de amigo e de escarnio e maldizer, que fixo pasar por orixinais, enganando aos demais expertos na materia. O 28 de decembro de 1953 publicou en Edicións Monterrei o Cancioneiro de Monfero. O libro contiña as oito cantigas acompañadas dun limiar e mais da reprodución facsimilar do que sería a presentación do frade Ramón Pazos, responsábel (imaxinario) no século XVII de copiar as cantigas. O frade explicaba neste texto que "estos cantares en lengua antigua halle escritos en tres fojas de pergamino en los libros deste monasterio" e que, ante o dano dos antigos papeis, "diles traslado en la parte que falle posible". A obra teríana atopado "entre uns vellos papeis destinados ao muíño" o propio Álvarez Blázquez e mais o seu socio da editorial Monterrei, Lois Viñas Cortegoso.